CAMBIO NA DIRECCIÓN XERAL
Queridas familias:
Con esta carta despídome de vós como directora xeral do noso colexio tras nove anos de aprendizaxes, de celebrar éxitos e de afrontar fracasos, de acertos e erros, pero, sobre todo, de oportunidades para ofrecer o meu servizo no centro que me viu crecer persoal e profesionalmente desde que tiña oito anos.
Aínda que desde outra posición, o meu vínculo co colexio seguirá sendo o mesmo e comparto convosco a ilusión que me produce o regreso ás aulas para reencontrarme de novo coa esencia da nosa vocación nesta última etapa da miña vida profesional.
Creo que o colexio é moito máis que o espazo físico, o edificio que o alberga. É tamén, e sobre todo, un espazo emocional único e irrepetible que entre todos (alumnado, familias, profesores e persoal non docente) creamos e que se vai enchendo cada día co que todos e cada un de nós imos achegando, co que somos.
E creo tamén que a gratitude é un dos valores máis importantes do ser humano e que o pouco ou o moito que eu puidese facer durante este tempo desde a dirección do colexio foi sempre grazas a todas as persoas que me acompañaron.
Agradezo a Fundación Educación Católica a confianza depositada en min desde o primeiro momento para que o noso proxecto educativo seguise crecendo e cumprindo a misión que nos foi encomendada. Grazas por facerme sentir sempre apoiada e acompañada.
Ao claustro de profesores e persoal non docente, compañeiros e compañeiras de todas as etapas, que regalan o mellor de si mesmos para tentar que os vosos fillos e fillas consigan ser a súa mellor versión en todos os aspectos. Grazas pola súa dedicación e vocación de servizo.
A vós, as familias que nun momento determinado optastes por elixirnos e compartir connosco o marabilloso reto de educar. Grazas por confiar neste colexio e deixar nas nosas mans o ben máis prezado que tedes: os vosos fillos e fillas.
E grazas ao noso alumnado, o motor que nos impulsa cada día. A razón pola que, a pesar de todas as dificultades, merece a pena seguir adiante. Os que conseguen dar significado real ao noso lema: “Facemos escola, educamos persoas”.
A partir do 1 de setembro tomará a testemuña na dirección xeral do colexio María Rodríguez, coordinadora de Animación Pastoral no actual equipo directivo. A súa forma de estar presente, de escoitar e de servir convértea en exemplo de humanidade e vocación. Estou segura de que, da súa man, o proxecto institucional seguirá crecendo no noso colexio, mantendo a aposta pola excelencia , o ambiente familiar e o compromiso cristián que sempre quixemos que nos distinga.
Cada ano, na gradación de Bacharelato, lembreille ao alumnado que deixa o colexio para comezar unha nova etapa vital, a importancia que ten o dedicarse ao que de verdade importa, e que a vida está feita de tempo, e aquilo ao que dedicamos o noso tempo é, ao final, ao que dedicamos a nosa vida.
Moitísimas grazas a todos os que me axudastes a lembrar cada día a que quixen dedicar o meu tempo e, por tanto, a que quixen dedicar a miña vida.
Un forte abrazo,
Eulalia López Lorca
Directora Xeral

