O Comedor San Froilán é unha iniciativa diocesana que xurdiu con motivo do Ano xubilar do ano 2000 a proposta de Frei José Gómez, Bispo de Lugo naquel momento. E comezou a funcionar en decembro de 2002 nos locais do antigo comedor do Seminario Diocesano.
O comedor San Froilán de Lugo renovou as súas instalacións no ano 2011 para atender unha demanda crecente e o paso ao palacio de Velarde permitiu gañar espazo e operatividade. O novo local ten o acceso pola rúa Armañá.
O perfil das persoas que recorren ao comedor ampliouse. Seguen acudindo homes senteito ou que están practicamente na rúa e sobreviven pedindo esmola -mulleres hai moitas menos-, pero cada vez hai máis familias orixinarias de Lugo. Moitas teñen nenos pequenos.
Serve comidas todos os días no propio comedor aos transeúntes e a domicilio. A crise influíu notablemente na actividade do comedor e familias enteiras dependen a diario da comida que sae destes fogóns.
Parte dos comensais chegan derivados polas parroquias da cidade onde lles asinan un vale de acceso. Algunhas non pagan nada, pero outras, as que poden, entregan un euro ao día para contribuír ao mantemento dun servizo que está a axudar «a paliar a fame na cidade», como destacan voluntarios do comedor.
En realidade, aquí non só se atenden necesidades nutricionais, senón tamén as da alma, porque os usuarios tamén buscan que alguén escoite a súa situación persoal sen que importe a súa procedencia, relixión ou condición social.
Máis dunha vintena de voluntarios.
O comedor San Froilán é un proxecto, que se sostén grazas ao traballo de máis dunha vintena de voluntarios. Rexéntano relixiosas da congregación das Irmás da Caridade.
Menús
O comedor abre todos os días do ano (excepto agosto) e serve un menú que consiste nun primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, normalmente froita ou iogur, aínda que ás veces, grazas ás achegas de empresas colaboradoras, pode haber doces. A comida procede sobre todo de donativos de empresas e particulares e de accións como as campañas que realizamos varios centros da cidade.