KA122 – “Destino: Innovación sostible”

A finais do curso 2021-2022 recibimos a aprobación do noso primeiro proxecto Erasmus+: “Destino: innovación sostible”.

Os obxectivos principais deste proxecto son modernizar e internacionalizar o noso centro mediante melloras e cambios no uso das instalacións, concienciación ambiental, competencia lingüística e cooperación internacional.

Para dar resposta a estes obxectivos propoñemos tres mobilidades para o profesorado:

Aprendizaxe observacional en Ljubljana, Eslovenia, en xaneiro de 2023. Durante esta mobilidade puidemos coñecer de primeira man prácticas docentes dirixidas a aproveitar ao máximo os espazos e o desenvolvemento sostible grazas ao seu proxecto “Futur€nvironment”.

Un curso estruturado en Helsinki, Finlandia, en marzo de 2023. Unha formación centrada no uso e deseño de espazos de aprendizaxe, metodoloxías innovadoras, sistemas de apoio para o desenvolvemento do talento do alumnado e a integración de NNEE na aprendizaxe adaptativa e personalizada.

Un curso estruturado en Florencia, Italia, en marzo de 2023. Este curso céntrase na metodoloxía CLIL e na mellora da competencia lingüística. Ofrece a práctica directa de diferentes metodoloxías individuais e grupais para traballar as catro habilidades. Plantea posibilidades de inmersión lingüística e de utilización de materiais reais na aula. Con esta formación búscase dar resposta á necesidade de crear espazos de inmersión no centro para favorecer a aprendizaxe e a competencia no uso das linguas estranxeiras.

Todas estas mobilidades e o propio programa Erasmus+ permitiranos crear sinerxías profesionais, establecer vínculos con outros países, coñecer outros sistemas educativos e colaborar con socios internacionais para ofrecer sempre unha educación de calidade.

Os proxectos Erasmus+ do colexio FEC San José están cofinanciados polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva do Colexio FEC San José e nin a Comisión Europea, nin o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.